miércoles, 9 de abril de 2014

Medio Rural e Mar convoca para 2014 as axudas a proxectos piloto innovadores que contribúan ao desenvolvemento do sector pesqueiro


O DOG publica hoxe a convocatoria destas achegas ás que a Xunta destina preto de 2 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca
Santiago, 9 abril de 2014.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan para 2014 as axudas á realización de proxectos piloto innovadores e dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos no sector pesqueiro.
Nesta convocatoria, a Consellería destina a estas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo da Pesca, un total de 1,9 millóns de euros. Son obxecto de financiamento destas subvencións as iniciativas destinadas a comprobar a viabilidade técnica ou económica dunha tecnoloxía innovadora. Tamén aquelas destinadas a desenvolver e probar métodos para mellorar a selectividade das artes de pesca, reducir as capturas accesorias, os descartes ou o impacto ambiental no fondo mariño.
A realización de probas sobre plans de xestión ou de asignación do esforzo pesqueiro, incluso de zonas de veda, co obxecto de avaliar as consecuencias biolóxicas e financeiras e a repoboación experimental tamén son obxecto destas achegas. Os proxectos terán que acompañarse dun seguimento científico, realizado por un organismo público, a fin de producir resultados significativos.
Poderán beneficiarse destas axudas empresas ou unións temporais de empresas, asociacións empresariais ou asociacións profesionais de carácter comercial do sector, organizacións de produtores pesqueiros, confrarías, cooperativas, centros tecnolóxicos ou calquera outro organismo de investigación e desenvolvemento con participación privada maioritaria, sempre que teñan a súa sede social en Galicia e realicen a súa actividade nesta Comunidade.
O prazo de presentación das solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá. As solicitudes poderán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es ou tamén en papel. Os interesados poden consultar a documentación e requisitos de presentación na Orde que publica hoxe o DOG. 
 
Tema: Pesca

No hay comentarios:

Publicar un comentario