lunes, 16 de junio de 2014

Traballo inviste máis de 1,1 millóns de euros en fomentar a contratación de persoas con discapacidade.


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para acceder a dous programas de axudas: o de integración laboral na empresa ordinaria; e o de emprego con apoio
Os incentivos por cada contratación poden acadar un máximo duns 8.700 euros, en función da modalidade contractual e da persoa beneficiaria
Santiago, 12 de xuño de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar investirá máis de 1,1 millóns en fomentar a contratación de persoas con discapacidade este ano. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta convocatoria que inclúe dous programas de axudas: o de integración laboral na empresa ordinaria; e o de emprego con apoio.
O primeiro programa recolle ata catro tipo de liñas de financiamento: subvención pola contratación indefinida; contratación indefinida de traballadores con discapacidade dun enclave laboral; contratación temporal; e contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio.
Os empregadores e as empresas que contraten con carácter indefinido a persoas con discapacidade desempregadas no momento da contratación ou procedentes de centros especiais de emprego poderán obter unha axuda mínima de 3.907 euros se é un traballador, e de 5.107 euros no caso dunha traballadora.
A estas contías poden acumularse diferentes incentivos adicionais: 1.000 euros no caso da contratación indefinida de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral; 500 euros no caso de que sexan traballadores ou traballadoras procedentes de centros especiais de emprego; 500 euros se as empresas teñen ata 49 empregados ou, no caso de contratacións, para prestar servizos en centros de traballo dun concello rural; e, por último, de 902 euros pola adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo.
Por outra banda, a contratación indefinida de traballadores con discapacidade dun enclave laboral poderá contar cunha subvención de 7.814 euros, que se poderá incrementar en 902 euros pola adaptación de postos de traballo, ata superar os 8.700 euros como máximo. Denomínase “enclave laboral” cando un Centro Especial de Emprego (CEE) despraza traballadores a unha empresa para realizar determinado traballo. Se ao rematar este labor, a empresa ordinaria contrata a algún destes traballadores, ten dereito a esta axuda. A finalidade última é incorporar aos traballadores dos CEE ao mercado laboral ordinario.
No caso do contrato temporal, o incentivo máximo chegará aos 2.600 euros, podéndoselle engadir 600 euros se a persoa presenta especiais dificultades; 500 se o centro está nun concello rural; e 902 euros para a adaptación dos postos de traballo.
Ademais, tamén se contemplan axudas para aquelas entidades que contraten a persoas no marco do programa de emprego con apoio. Neste caso, a subvención pola contratación indefinida prevista poderá incrementarse nun 50 por cento, mentres que a temporal poderá verse aumentada nun 25 por cento.
Emprego con apoio
En segundo lugar, a orde que sae hoxe publicada no DOG tamén recolle axudas para o programa de emprego con apoio, que subvenciona ás entidades promotoras deste tipo de proxectos financiando os custes laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores laborais que leven a cabo as accións de apoio.
Esta iniciativa está destinada a persoas que precisan dun apoio a maiores para desenvolver o seu traballo. En concreto, os destinatarios son, fundamentalmente, persoas con parálise cerebral, enfermidade mental ou cunha discapacidade intelectual superior ao 33 por cento; con discapacidade física ou sensorial con grao superior ao 65 por cento, e persoas xordas ou con discapacidade auditiva superior ao 33 por cento.
Nos proxectos de emprego con apoio deberanse recoller, entre outros, labores de orientación, asesoramento e acompañamento á persoa con discapacidade, elaborando para cada persoa un programa de adaptación ao posto laboral; actividades de achegamento e mutua axuda entre a persoa beneficiaria do programa de emprego, o empregador e o persoal da empresa que comparta tarefas co traballador con discapacidade; e apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias de modo que se poida relacionar co contorno laboral nas mellores condicións.
Tamén deberán incluír un adestramento específico da persoas traballadora nas tarefas inherentes ao posto laboral; un seguimento e avaliación do proceso de inserción; e asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os proceso de adaptación.
Pola tanto, fináncianse a través deste programa actividades de orientación e acompañamento individualizado no posto laboral, prestadas por preparadores laborais especializados que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral dos traballadores e traballadoras con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral en empresas do mercado ordinario de traballo.
As subvencións nestes casos oscilan entre os 2.500 e os 6.600 euros anuais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario