lunes, 26 de mayo de 2014

A Xunta dá un novo impulso ao Plan de emprego xuvenil, cunha orde para mozos desempregados que se convertan en autónomos, que poderán acceder a axudas entre 1.200 e 12.600 euros

        

A nova orde, que contará cun investimento de 4,5 millóns e prevé beneficiar a 1.500 mozos, garante a gratuidade das cotas á Seguridade Social durante todo un ano
Recolle subvencións para iniciativas de autoemprego xuvenil, co propósito de facilitarlle aos mozos os ingresos durante o inicio dunha actividade; subvencións que ascenderán a 1.200 euros, que se verán incrementados nun 10% se o centro de traballo está situado nas provincias de Lugo ou de Ourense
Tamén prevé subvencións destinadas ao establecemento dos menores de 30 anos como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, debendo acreditar un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 3.000 euros
Neste caso, as contías a financiar oscilarán entre os 5.000 e os 10.000 euros por mozo desempregado e variarán en función das circunstancias do beneficiario; ademais poderán verse incrementadas entre 1.000 e 2.600 euros se o investimento acreditado supera os 5.000 euros
Haberá axudas financeiras para a redución de xuros de préstamos de ata catro puntos, que oscilarán entre os 5.000 e os 10.000 euros
Con esta, 18 das 19 medidas recollidas no Plan de emprego xuvenil xa están aprobadas, o que representa o 95%

Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta
Santiago, 23 de maio de 2014.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un novo impulso ao Plan de emprego xuvenil, cunha orde para mozos desempregados que se convertan en autónomos e que poderán acceder a axudas entre 1.200 e 12.600 euros. “Aprobamos un dos programas pioneiros, unha nova liña de axudas destinadas aos mozos menores de 30 anos onde lle garantimos a gratuidade das cotas de Seguridade Social durante todo o ano; asumimos a complementariedade, no Plan de emprego xuvenil, da decisión da Seguridade Social para todo o Estado e complementamos as subvencións que xa están para o resto de España, cun suplemento que supón que o 100% das cotas da Seguridade Social para mozos de menos de 30 anos que queiran ser autónomos”, aseverou Feijóo, sinalando que a iniciativa contará cun investimento de 4,5 millóns e prevé beneficiar preto de 1.500 mozos.
Máis polo miúdo, Feijóo destacou que o obxectivo é “promover o emprego autónomo entre este colectivo, é dicir, financiar proxectos empresariais que faciliten aos mozos desempregados a creación do seu propio posto de traballo e mellorar a actividade empresarial na Comunidade autónoma”.
Cómpre salientar que a axuda fundamental é a subvención do 100% das altas da Seguridade Social durante un ano. Así, subvencionaranse as altas como autónomos que se formalizaran entre o 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014 a través de tres tipos de axudas que oscilan entre os 1.200 e 12.600 euros.
Así, haberá subvencións para iniciativas de autoemprego xuvenil, co propósito de facilitar aos mozos os ingresos durante o inicio dunha actividade. A subvención será de 1.200 euros, que se verá incrementada nun 10% se o centro de traballo está situado en calquera concello das provincias de Lugo ou Ourense.
Tamén subvencións destinadas ao establecemento dos menores de 30 anos como persoa traballadora autónoma ou por conta propia. A este respecto, Feijóo explicou que, neste caso, o requisito, ademais de estar dado de alta na Seguridade Social, será acreditar un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 3.000 euros. As contía a financiar oscilará entre os 5.000 e 10.000 euros por mozo desempregado e variará en función das circunstancias do beneficiario: primarase aos mozos con discapacidade, emigrantes retornados, desempregados procedentes de empresas en crise, desempregados de longa duración e a aqueles que esgotasen a prestación por desemprego. Estas subvencións poderán verse incrementadas entre 1.000 e 2.600 euros se se acredita un investimento en inmobilizado material ou intanxible non inferior a 5.000 euros. E, ao igual que no caso anterior, a contía final resultante incrementarase nun 10% se o posto de traballo a crear está nas provincias de Lugo e Ourense.
En terceiro lugar, Feijóo referiuse a unha axuda financeira para a redución de xuros de préstamos. E, neste eido, afirmou que esta subvención, dun único pagamento, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia deste. Neste caso, as axudas oscilarán entre os 5.000 e 10.000 euros, que varían, tamén, segundo a circunstancia persoal de cada beneficiario, primándose aos mesmos colectivos que as subvencións destinadas para o establecemento como autónomos.
“Polo tanto, estamos dando un impulso innovador ao Plan de emprego xuvenil, polo que apostamos para que as mozas e mozos menores de 30 anos se inicien no mercado laboral, en primeiro lugar, facilitando as cotas á Seguridade Social durante o primeiro ano e, despois, axudando se necesitan investimentos, tanto en inmobilizado como en circulante, con tipos de subsidiación de xuros, no caso de préstamos, ou con subvencións a fondo perdido no caso de que se pague ao contado”, incidiu o presidente da Xunta.
En definitiva, concluíu, “das 19 medidas do Plan de emprego xuvenil levamos aprobadas 18, quédanos unha; co cal o 95% do Plan de emprego xuvenil está desenvolvido nos primeiros 90 días desde a súa aprobación”, abundou.

No hay comentarios:

Publicar un comentario